| |
TES+BUS
1.- ¿QUE É O TES+BUS?
O Programa de Transporte Escolar Compartido de Galicia, TES+BUS, é un proxecto conxunto da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo de promoción do transporte público colectivo nas zonas de carácter rural.
A actuación TES+BUS que se pon en marcha faino como unha experiencia piloto de utilización mixta dos servizos de transporte escolar público, de tal xeito que calquera cidadán das zonas onde se implanta poderá utilizar para os seus desprazamentos as rutas destes servizos.
O obxectivo do TES+BUS é facilitar os desprazamentos da poboación de zonas con escasos servizos de transporte público, de tal xeito que, aproveitando o percorrido dos autobuses escolares, se permita aos habitantes dos distintos lugares polos que discorren acceder, basicamente, ás cabeceiras dos concellos onde normalmente se atopan, xunto aos centros escolares, os servizos básicos que ofrecen os concellos, como os recursos sanitarios, bancarios, etc.
Foi precisamente o feito da escaseza de servizos de transporte público concesional xunto coa baixa densidade poboacional un dos criterios seguidos para a elección das zonas nas que se implantará este servizo, aos que engadiron outros criterios como a existencia nas rutas de transporte escolar de prazas libres e da figura da persoa acompañante e adulta que vela pola orde no interior do autobús.
2.- ¿ONDE FUNCIONA O TES+BUS?
Información rutas
3.- ¿EN QUE DATAS FUNCIONARÁ O TES+BUS?
O funcionamento do TES+BUS coincidirá cos días e horarios nos que se realice o transporte escolar dende o 22 de outubro ata o remate do curso escolar 2007-2008
4.- ¿CAL É O PREZO DO TES+BUS?
Os cidadáns que utilicen os servizos do TES+BUS aboarán 1 Euro por cada viaxe que realicen.
5.- ¿QUE NORMAS SE APLICAN NO TES+BUS?
No TES+BUS implantaranse unhas normas que rexirán na utilización conxunta dos servizos de transporte escolar, que, en todo caso, primarán a utilización do transporte polos escolares, ofrecendo as prazas que queden libres ao resto dos cidadáns.
- Viaxará unha persoa acompañante e adulta, que será a que regule a orde no autobús.
- Os usuarios poderán subir en calquera das paradas da ruta escolar
- Os usuarios poderán baixar en calquera das paradas da ruta escolar ou ao chegar ao centro educativo
- Non se poderá subir con vultos que, a xuízo da persoa acompañante, poidan entorpecer o paso.
6.- ¿COMO CONTINUARÁ O TES+BUS?
Concluído o presente curso escolar, e logo do seguimento que realizarán as administracións implicadas, analizarase a posible extensión deste programa |
|