O Concello de Cerdido celebrará o vindeiro 6 de abril a trixésimo primeira edición da Feira do Cabalo, convertendo A Barqueira na capital da andadura galega.

A cita comezará ás 12:00 horas coa primeira das competicións, a categoría Chapeada -1,5, con trofeos para os tres primeiros clasificados, patrocinados por Casa Viuda.

Xa pola tarde, a partir das 15:30 horas, continuará a competición cun total de catro categorías, nas que se premiarán os tres mellores en cada unha delas: Serrada -1.5, Serrada +1.5 e Chapeada +1.5. Ademais, recoñecerase ao mellor poldro menor de 2 anos e ao mellor semental. Estes premios están patrocinados polos establecementos hostaleiros locais colaboradores do evento: Casa Ignacio, Rincón de Tania, Bar Elvis e Mesón Froallo.

O goberno local tamén outorgará o Trofeo Concello de Cerdido, que recoñecerá á amazona ou cabaleiro máis novo e ao máis veterano, destacando así o arraigo desta tradición na localidade.

A xornada complementarase con diversos postos de polbo e churrasco para que asistentes e participantes poidan repoñer forzas.

As persoas interesadas en participar nalgunha das modalidades poderán inscribirse a través do correo electrónico cerdidofeirado6@gmail.com ou presencialmente o propio día da feira, ata as 12:00 horas.

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, convida á veciñanza e aos visitantes a asistir a "un evento único e fondamente arraigado na localidade, que contribúa a dinamizar e preservar a nosa cultura". O rexedor tamén agradeceu “a colaboración de todos os locais e entidades que co seu esforzo aseguraron a celebración desta nova edición da Feira do Cabalo”.

FOLLA DE INSCRICIÓN