• A actuación está dotada cun orzamento de 420.000 euros e suporá a habilitación dun espazo de coworking, un centro de maiores e unha aula de formación con novos equipos informáticos
• Complementarase coa instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos, un minipunto limpo e un panel informativo retroiluminado
O Concello de Cerdido aprobou na sesión plenaria extraordinaria, celebrada na tarde de onte, venres 4 de xullo, o inicio do proceso de contratación das obras de adecuación da Casa da Cultura. Esta actuación está financiada integramente a través dunha subvención do Instituto de Transición Xusta.
O proxecto permitirá transformar o edificio nun espazo multifuncional ao servizo da veciñanza. Na primeira planta crearase un espazo de coworking con 12 postos de traballo dotados de equipos informáticos, pensado para fomentar o emprendemento e o desenvolvemento de pequenas empresas, con especial atención ás iniciativas lideradas por mulleres. O espazo contará, ademais, cunha zona común e un sistema de acceso automatizado.
Na planta baixa habilitarase un centro de maiores con zonas de descanso, espazos para obradoiros e actividades físicas, así como un programa estable de actividades culturais e sociais. Tamén se prevén melloras nas condicións de habitabilidade e a instalación dun sistema dixital para o seguimento e control dos usuarios.
No andar semisoto acondicionarase unha aula de formación equipada con novo material tecnolóxico, destinada a cursos e accións formativas, especialmente vinculadas ao emprendemento e á creación de empresas.
O proxecto completarase con diversos servizos de uso público: a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos, un minipunto limpo para a recollida selectiva de residuos, a implantación de wifi pública de amplo alcance e a colocación dun panel informativo dixital retroiluminado, visible desde a vía pública, para a difusión de avisos municipais e da programación cultural.