O Concello de Cerdido aprobou definitivamente o seu orzamento para 2026, que se sitúa en 1.407.506,96 euros, tras non presentarse alegacións durante o período de exposición pública. O Boletín Oficial da Provincia publicou este mércores o acordo.
As contas deste ano superan o limiar dos 1,4 millóns de euros, coas previsións iniciais do exercicio medrando respecto ás de 2025 (1.383.667,27 euros). Deste xeito, consolídase unha liña de estabilidade económica e continuidade na xestión dos recursos públicos.
Nos gastos, a maior parte do orzamento destínase aos gastos correntes en bens e servizos (690.322,04 euros) e ao capítulo de persoal (628.452,36 euros), garantindo o funcionamento dos servizos municipais.
As contas reforzan a planificación dos investimentos a executar en Cerdido, con case 100.000 euros de recursos propios que, unidos á captación de subvencións doutras administracións, permitirán mobilizar máis de 1,2 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos.
En canto aos ingresos, o financiamento do Concello continúa apoiándose fundamentalmente nas transferencias correntes, que superan o millón de euros (1.074.709,46 euros), mentres que os ingresos propios, procedentes de impostos e taxas, reportan 323.925,08 euros.
Así mesmo, o anexo do documento orzamentario inclúe a relación de persoal municipal, tanto funcionario como laboral. Destacan os sete postos de traballo do Servizo de Axuda no Fogar, un servizo clave na atención á veciñanza e no sostemento das políticas sociais de Cerdido.