• O concurso de andadura galega tradicional celebrarase o día 7 de abril, a partir das 15:30 horas, e contará con catro categorías diferentes

 

  • Outorgaranse tamén distincións ao mellor poldro menor de 2 anos, ao mellor semental e á amazona ou cabaleiro máis novo e máis maior

 

Cerdido, 18 de marzo de 2024. Cerdido celebra o domingo, 7 de abril, a súa Feira do Cabalo, que cumpre este ano 30 anos de historia.

As persoas afeccionadas ao mundo ecuestre poderán gozar un ano máis desta cita na localidade de Cerdido. A partir das 15:30 horas, terá lugar o concurso de andadura galega tradicional, que conta cun total de catro categorías nas que se elixirán tres gañadores: Serrada -1.5, Chapeada – 1.5, Serrada + 1.5 e Chapeada +1.5. Ademais, tamén se recoñecerá ao mellor poldro menor de 2 anos e ao mellor semental. Estes recoñecementos corren a cargo dos colaboradores do evento, os locais hostaleiros do municipio: Casa Ignacio, Casa Viuda, Rincón de Tania, Bar Elvis e Mesón Froallo.

O Concello de Cerdido outorgará o trofeo á amazona ou cabaleiro máis novo e ao máis maior, destacando a continuidade desta tradición a través das diferentes xeracións e a relevancia desta na localidade.

Será obrigatorio o uso de casco e os xinetes deben estar asegurados e inscritos na proba antes das 15:00 horas para poder participar.

Haberá churrasco baixo reserva para as persoas que o desexen, que deberán poñerse en contacto co 689 833 210.

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, salientou a importancia de “recuperar unha das feiras con máis tradición que se celebraban neste Concello, atraendo xente de toda a comarca”.

O rexedor destacou a súa vontade de “retomar algunha feira monográfica durante o ano como poden ser as dedicadas á castaña, ao mel, ou os freixós; que son unha forma de dinamizar a nosa cultura e dar a coñecer os nosos costumes e produtos”.