• Este certame modificou a súa nomenclatura para homenaxear ao que fora profesor do colexio da Barqueira durante moitos anos

 

  • Na modalidade infantil as persoas gañadoras recibirán bonos para trocar por material escolar e na categoría adulta o premio consistirá nun lote de libros

 

  • O prazo para entregar os orixinais remata o luns, 15 de abril

 

Cerdido, 27 de marzo de 2024. O Concello de Cerdido vén de publicar as bases da convocatoria da edición número XXIV do concurso de contos “Manuel Otero Pazos.

Co gallo da celebración do Día do Libro, que ten lugar cada 23 de abril, e coa intención de motivar e fomentar a lectura entre todos os veciños e as veciñas, ademais de recuperar as lendas e os contos do Concello, potenciando a creatividade e a capacidade narrativa da xente.

Este certame, que xa leva nada máis e nada menos que XXIII edicións, a partir deste ano tomará o nome dun antigo mestre e director do colexio CEIP A Barqueira, pasando a denominarse “Concurso de Contos Manuel Otero Pazos”.

Esta decisión tomouse para realizar unha homenaxe a este profesor, que marcou a vida de moitos alumnos e alumnas que pasaron polas súas aulas e que modificou a historia desta escola rural.

En canto ao propio concurso, haberá dúas modalidades de premio, categoría infantil e adulta. A categoría infantil divídese en 4 subcategorías diferentes en función da idade: infantil, 1º e 2º de primaria, 3º e 4º de primaria e 5º e 6º de primaria.

Na modalidade infantil, as persoas gañadoras recibirán bonos para trocar por material escolar, mentres que na categoría adulta o premio consistirá nun lote de libros.

As obras deben ser contos, lendas ou historias que narren algo sobre o Concello de Cerdido, reais ou inventadas, cunha extensión libre ata un máximo de catro folios Din A4.

O prazo de recepción para os orixinais remata o 15 de abril. Deberán remitirse ao Concello de Cerdido nun sobre pechado por correo postal ao enderezo Felgosas s/n, 15569, A Barqueira, Cerdido; ou de xeito presencial nas oficinas municipais, indicando en calquera das modalidades “XXIV Concurso de contos do Concello de Cerdido: Manuel Otero Pazos”.

Segundo indica o alcalde, Alberto Rey, “este ano quixemos renderlle unha homenaxe a Manuel Otero coa denominación deste premio, xa que foi unha persoa moi querida no noso municipio e marcou a unha gran parte das xeracións que pasaron polo colexio da Barqueira”.

“Cremos que a través deste certame, que promove a lectura e a creación literaria, lembramos da mellor maneira posible a esta persoa que tanto ben fixo por Cerdido”.

BASES CONCURSO DE CONTOS