- O pleno acordou a adhesión do Concello na segunda fase do POS+ADICIONAL 2/2025 da Deputación da Coruña.
- Esta incorporación ao plan provincial permitirá executar a mellora dos lavadoiros de Travesas e Fercoi e pavimentar viais no Porto, na Barqueira.
O Concello de Cerdido aprobou, en sesión plenaria extraordinaria, a súa adhesión ao POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña. Grazas a esta incorporación ao plan provincial, o goberno local executará dous proxectos de mellora na localidade.
O primeiro será a rehabilitación dos lavadoiros de Travesas e Fercoi, cun investimento de 31.357,01 euros. A intervención permitirá arranxar estas construcións tradicionais, actualmente sen revestimento e cunha cuberta de fibrocemento á vista, que non se integran na paisaxe e xeran un impacto visual negativo. O proxecto contempla a substitución das cubertas por outras de xisto con estrutura de madeira, o revestimento dos peches con mampostería de esquisto e a limpeza e arranxo dos accesos, co obxectivo de conservar a estética e a coherencia coa arquitectura tradicional do entorno.
O segundo proxecto, dotado dun orzamento de 129.038,38 euros, será a mellora de viais no Porto, na Barqueira, que inclúe a pavimentación de 545 metros divididos en sete tramos e dous abanicos. A obra consistirá na renovación da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de baches e perfilado, así como na reparación de 54 m² de beirarrúas con bordo prefabricado, zahorra, formigón armado, mallazo, xuntas de dilatación e acabado pulido, tras a demolición do pavimento existente. Tamén se realizarán tarefas de limpeza de bordos e salvagabias, execución de 24 metros de caz de formigón con reixa para o drenaxe, adaptación de pozos e arquetas á nova rasante e sinalización horizontal con pintado de liñas e símbolos.
Ademais, no marco da mesma actuación, intervirase no camiño do Porto por detrás da Feira, un treito de 560 metros de lonxitude e 5 metros de ancho. O proxecto prevé a mellora da capa de rodaxe con aglomerado en quente tras a reparación de baches e perfilado, así como a limpeza de gabias e salvagabias.