• As actuacións realízanse sobre os camiños de acceso a Guelle, o que vai de Casavella a Espiño, o que une Vila da Igrexa e Río; e a vía que liga Chaiña con Rediz
  • A financiación destas obras corre a cargo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER

 

Cerdido, 22 de decembro de 2023. O Concello de Cerdido está a piques de rematar as obras de mellora en catro vías do municipio, financiadas a través de  Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). O orzamento desta acción ascende a 70.000 euros e está enmarcado dentro do Plan de mellora dos camiños rurais.

Os camiños incluidos nesta iniciativa son do o acceso a Guelle, cun orzamento de 10.070 euros; o paseo entre Casavella e Espiño, ao que se destinaron 15.471 euros; o camiño que une Vila da Igrexa e lugar do Río, cun presuposto de 11.058 euros; e a vía entre Chaiña e Rediz, na que se empregarán 10.865 euros.

Segundo indica o alcalde de Cerdido, Alberto Rey, “con estas actuacións melloramos as infraestruturas básicas en varias localizacións do termo municipal, facilitando a circulación de vehículos e incrementando a seguridade dos peóns”.

“Unha das liñas principais do noso equipo de Goberno consiste en renovar as estradas do noso concello, xa que ten núcleos de poboación bastante dispersos e precisa dunhas boas canles de comunicación”, rematou o rexedor.

Esta acción pretende contribuir á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas e impulsa o avance do municipio e o mantemento da vila nunhas condicións favorables.

As obras xa foron iniciadas e atópanse a piques de rematar, polo que pronto se poderá facer uso destes camiños renovados.