• O proxecto está no perfil de contratación aberto a ofertas ata o 25 de agosto.
  • A intervención está dotada dun orzamento de 72.703,49 euros e suporá a substitución das carpinteiras actuais por unhas novas de PVC e a instalación de vidro dobre mellorando o illamento e por conseguinte o aforro enerxético.
  • Ademais, mellorarase a accesibilidade nos aseos e instalaranse sanitarios adaptados para persoas con mobilidade reducida.

O Concello de Cerdido destinará máis de 72.000 euros a un ambicioso proxecto de mellora na escola do Castro, co obxectivo de incrementar a eficiencia enerxética do edificio e garantir a súa accesibilidade.

A escola do Castro é un dos principais exemplos da arquitectura indiana no municipio, polo que, co ánimo de preservar as súas prestacións e mellorar as condicións de uso, o proxecto contempla a substitución da carpintería exterior —ventás e portas de madeira— por novas pezas de PVC, o que permitirá unha notable mellora no illamento térmico e, consecuentemente, unha maior eficiencia enerxética.

Instalaranse ventás e portas de PVC con acabado imitación madeira por ambas caras, reforzos metálicos no interior, xuntas que aseguran a estanqueidade e sistemas que facilitan a evacuación da auga. As portas serán opacas ou con vidro, e contarán con mecanismos avanzados de apertura e seguridade.

O acristalamento será dobre, con vidro especial que reduce a entrada de calor e mellora o illamento térmico, incluíndo unha cámara de aire entre os paneis. Ademais, colocaranse contraventás de estilo mallorquino, tamén en PVC, con lamas fixas.

No ámbito da accesibilidade, acometerase unha reforma nun dos aseos para adaptalo á normativa vixente. Para iso, ampliarase lixeiramente o espazo aproveitando a zona baixo cuberta, conservando a maior parte das paredes existentes e derrubando só unha. A estrutura actual manterase, e sobre ela construiranse novos tabiques.

No interior do aseo substituirase todo o material antigo por novos elementos. Instalarase pavimento de baldosa cerámica antiescorregadiza e revestiranse as paredes con azulexo ata 1,80 metros de altura, pintándose o resto con pintura plástica lisa.

Así mesmo, instalaranse sanitarios adaptados para persoas con mobilidade reducida e renovarase toda a instalación de fontanería e desaugadoiro.