• A achega do POS 2023 suma un total de 102.000 euros, que inclúe a mellora de varios camiños e o abastecemento de auga da Área Recreativa O Castro
  • Tamén se aprobou a participación no POS Complementario para obter 59.000 euros que se dedicarían a mellorar o vial que une Gondredo con Piñeiro

 

Cerdido, 07 de febreiro de 2024. O Concello de Cerdido vén de aprobar no pleno extraordinario celebrado este martes, 6 de febreiro, a súa participación no Plan Único 2024 da Deputación da Coruña, polo que lle corresponden un total de 206.905 euros, que se destinarían a financiar o gasto corrente, mellorar as infraestruturas e a ampliar a rede de abastecemento de auga.

Aprobouse un gasto corrente de 82.424 euros, que se dedicará a nóminas, combustible, mantemento, iluminación pública e ao servizo de lixo.

A achega do POS correspondente ao ano 2023 suma un total de 102.319 euros, que está composta polos proxectos de Abastecemento de auga na Área Recreativa O Castro (35.588 euros), o Peche do campo municipal do campo de fútbol municipal Bernardino Breijo (34.701 euros) e a Mellora dos viais de Rañoa no límite con Moeche e o camiño de acceso á Cuqueira (32.029 euros).

Por outra banda, o POS 2024 conta cunha cantidade de 38.979 euros, que servirán para financiar a obra de Abastecemento desde Abelleira ata Hospital.

Ademais, tamén se aprobou a participación do Concello no POS Complementario, incluíndo o proxecto de Mellora do vial que une Gondredo con Piñeiro, cun orzamento de 59.345 euros.

Aprobada tamén a solicitude de 28.095 euros para ampliar o servizo de axuda no fogar

Na sesión plenaria celebrada onte tamén se aprobou a solicitude de participación no POS + Adicional 2024, cun importe de 28.095 euros para financiar a ampliación do servizo de axuda no fogar, tanto en atencións de carácter básico como nas actuacións de carácter complementario e outros servizos que se presten no domicilio das persoas usuarias.

Esta achega, sumada aos 5.000 euros procedentes doutros ingresos públicos, elevan a cifra de gastos sociais extraordinarios do 2024 ata os 33.095 euros.