O Concello de Cerdido continúa apostando pola mellora da mobilidade a través dun proxecto que permitirá a pavimentación de dous camiños do termo municipal.

A actuación principal levarase a cabo no camiño Penadovico – Casaldegonce, un tramo de 750 metros de lonxitude e 4,5 metros de ancho, no que se renovará a capa de rodaxe aplicando aglomerado en quente para reforzar a superficie da estrada. Previamente, repararanse os baches existentes e realizarase un perfilado con grava para garantir unha base sólida.

Tamén se procederá á limpeza das gabias para mellorar o drenaxe, así como á sinalización horizontal mediante pintado de liñas nos bordos.

O proxecto inclúe tamén a mellora do acceso a Cerdido desde Vila da Igrexa, un tramo de 115 metros de lonxitude e 5 metros de ancho, que recibirá o mesmo tratamento que o anterior: aglomerado en quente, reparación de baches e perfilado da base.

Ademais, instalarase unha varanda metálica de protección de 14 metros para incrementar a seguridade e realizarase a sinalización horizontal con liñas e símbolos viarios.

Estes traballos completaranse coa limpeza das gabias e a preparación do drenaxe lonxitudinal e transversal, co obxectivo de garantir a durabilidade das melloras.