- As estradas froito da actuación son as de Penso a Cubos, o camiño do Noval, a do interior de Regueirolongo, o camiño de Regueirolongo a Díaz e o camiño a Barbas
- As obras están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña do ano 2021
Cerdido, 16 de outubro de 2023. O Concello de Cerdido está a mellorar, a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, un total de cinco camiños municipais.
As estradas froito da actuación son as de Penso a Cubos, o camiño do Noval, a do interior de Regueirolongo, o camiño de Regueirolongo a Díaz e o camiño a Barbas.
O orzamento total da actuación elévase ata os 59.001 euros, dos que a administración local achega 20%, e a entidade provincial provincial o 80 % restante.
O proxecto recolle a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado de toda a plataforma do vial, que conta cunha lonxitude de 760 metros e unha anchura de 3 metros. Previamente realizouse a reparación das fochancas que había e o perfilado das mordentes con grava e tratamento asfálitico semiprofundo.
Outra das actuacións incluídas no proxecto é a mellora do camiño do Noval, que conta cunha lonxitude de 455 metros e unha anchura de 4 metros. Realizarase a mellora da capa de rodaxe con tres centímetros de aglomerado en quente.
Outra das vías susceptibles de actuación é a do interior de Regueirolongo, cunha lonxitude de 315 metros e 3 metros de ancho. Realizarase a mellora da capa de rodaxe con tres centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos.
Tamén se mellorará o camiño que vai desde Regueirolongo a Díaz, cunha lonxitude de 215 metros de longo e 4 metros de ancho, a través da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma.
Por outro lado, levarase a cabo o acondicionamento doutro treito de 425 metros por 4 metros de ancho mediante o perfilado e compactado. Farase tamén unha apertura de beiravías e regularización con 5 centímetros de xabre.
Materializarase a pavimentación dos entronques inicial e final mediante a colocación de 5 centímetros de aglomerado en quente no inicio e 15 centímetros de grava e triple rega no final.
Por último, actuación inclúe o camiño a Barbas, cunha lonxitude de 395 metros e 3 metros de ancho, no que se vai mellorar a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma.
En cada unha das cinco actuacións realizarase a limpeza de gabias e salvagabias para realizar a correcta drenaxe da estrada e a colocación dos sinais de tráfico correspondentes.
Segundo indica o alcalde, Alberto Rey, “coa execución deste proxecto melloraremos notablemente a rede viaria do noso municipio, falicitando os desprazamentos e o día a día da nosa veciñanza”.
“Durante os vindeiros meses seguiremos avanzando na evolución de diferentes proxectos de remodelación de estradas, que aínda estaban pendentes da anterior lexislatura”.