O Concello de Cerdido acometerá unha importante mellora na piscina municipal coa instalación dunha nova máquina deshumectadora, co obxectivo de optimizar as condicións ambientais e garantir un espazo máis saudable para os seus usuarios.
O anuncio de licitación está publicado no perfil de contratación do Concello, cun orzamento total de 60.590,62 euros. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de salubridade nunha das instalacións máis utilizadas pola veciñanza, especialmente durante os meses de verán.
A nova deshumectadora permitirá substituír a maquinaria actual, avariada, o que dificultaba o mantemento das condicións óptimas de humidade e confort no interior da instalación.
A intervención inclúe a retirada da deshumectadora actual, que xa non presta servizo, e a instalación dun novo equipo deseñado e fabricado especificamente para a piscina municipal. Os traballos proxectados comprenden a desconexión, desmontaxe e retirada da antiga máquina, así como a conexión da nova aos condutos de impulsión e retorno, xunto coas correspondentes conexións hidráulicas e eléctricas necesarias para a súa posta en funcionamento. A actuación completarase coa colocación de illamento térmico nos condutos e nas conexións hidráulicas.
O alcalde, Alberto Rey, salientou que a adquisición da nova deshumectadora “responde a unha das liñas prioritarias do noso equipo de goberno, xa que levamos anos traballando na mellora deste espazo tan demandado”. Ademais, engadiu que esta actuación “permite seguir avanzando na modernización dos espazos públicos e na calidade dos servizos que ofrecemos, dotando á cidadanía e ás persoas visitantes de instalacións máis confortables para o lecer e a práctica deportiva”.