• A actuación , enmarcada no Plan Camiña Rural 2025-2026 da Xunta, suporá o asfaltado e a limpeza de gabias nunha distancia total de 2.595 metros.

 

  • O proxecto xa está publicado no perfil de contratación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 1 de setembro.

 

O Concello de Cerdido iniciou o procedemento de contratación para as obras de mellora do viario que conecta os núcleos de Freis e Vilarelle, cun orzamento total de 71.300,46 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 1 de setembro.

Esta actuación enmárcase no Plan Camiña Rural 2025-2026 da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo conservar e mellorar as infraestruturas rurais, en particular os camiños, para facilitar a accesibilidade, vertebrar o territorio e apoiar a competitividade das explotacións agrarias e forestais.

O proxecto contempla a mellora dun total de 2.595 metros de lonxitude, distribuídos en dous treitos principais, un de 2.420 metros de longo e 4,50 metros de ancho e outro de 175 metros de longo e 4,00 metros de ancho. Ademais, intervirase nuns 70 metros correspondentes a abanicos ou zonas de adaptación.

As actuacións previstas inclúen a limpeza de gabias en ambas marxes, a reparación de baches e perfilado de mordentes nun 10% da superficie con pedra 32/63 mm, así como a mellora da capa de rodaxe mediante un tratamento asfáltico superficial e rego de selado. Nas zonas reparadas aplicarase un tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, instalarase unha nova sinal de Stop para mellorar a seguridade viaria.

O alcalde, Alberto Rey, fixo fincapé en que esta intervención “garantirá unhas mellores condicións de tránsito tanto para viandantes como para o tráfico rodado, mellorando a seguridade neste tramo”.