O Concello de Cerdido porá en valor a figura e o legado de Severino Trinquete Solloso, nado na localidade en 1869, unha das personalidades fundamentais no impulso cultural e educativo do municipio no século XX.
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello organiza o vindeiro 17 de maio unha xornada conmemorativa que se iniciará ás 18:00 horas cunha homenaxe no cemiterio de San Martiño de Cerdido, onde descansan os restos do homenaxeado. Ás 19:00 horas terá lugar unha conferencia na Área Recreativa do Castro, a cargo do catedrático xubilado da Universidade da Coruña, Xosé María Dobarro Paz. No acto tamén intervirán o alcalde de Cerdido, Alberto Rey; o dinamizador cultural, Santiago Rodríguez; e a concelleira de Cultura, poeta e artista plástica, Amalia Rodríguez.
Trinquete Solloso, xornalista e activista social na diáspora
Severino Trinquete Solloso emigrou a Cuba sendo novo e alí destacou como comerciante e activista cultural galego. Rexentou unha papelería na Habana e participou en importantes publicacións, como Suevia, da que foi fundador, e Galicia. Tamén colaborou en revistas como Bohemia, El Hogar, Letras ou Labor Gallega.
Foi presidente da sociedade Pila Ancha, impulsora da construción das escolas da Avispeira e da indiana do Castro, e exerceu como tesoureiro da Unión Redencionista Galega. En 1915 regresou enfermo a Galicia e faleceu en 1916. En 1917, a sociedade Pila Ancha rendeulle homenaxe cunha lápida conmemorativa no cemiterio de Cerdido.