O Concello de Cerdido vén de abrir o proceso de selección para a contratación de tres persoas desempregadas en situación de risco de exclusión social, no marco do Plan de Emprego Local (PEL-CONCELLOS 2025) da Deputación da Coruña.

As prazas ofertadas son dúas de peón cun contrato de 5 meses de duración e unha praza adicional con contrato de 2 meses, todos a xornada completa. O persoal seleccionado realizará tarefas vinculadas a servizos municipais básicos como limpeza viaria, mantemento de infraestruturas, iluminación pública, recollida de residuos ou conservación de edificios educativos, entre outros.

Os contratos formalizaranse baixo a modalidade de contratación temporal orientada á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral, en liña coas políticas activas de emprego promovidas pola Deputación da Coruña.

O prazo de presentación de instancias será de cinco días hábiles, a contar dende o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, hoxe mércores 2 de xullo

O Concello de Cerdido reafirma así o seu compromiso coa inclusión social e o desenvolvemento de oportunidades laborais no ámbito local, apostando pola dinamización do emprego e o reforzo dos servizos públicos municipais.

Accede aquí ao BOP: 2025_0000004374.pdf#page=