O concello de Cerdido saca a licitación o contrato de subministro eléctrico dos edificios e instalacións municipais, que terá unha duración de dous anos e está dotado cun orzamento de 140.395,72 euros.

A través desta actuación, o goberno local garante o subministro da totalidade de edificios e instalacións do municipio para o próximo bienio e faino reafirmando a súa aposta pola sustentabilidade, xa que a enerxía debe ser renovable. A actuación abarcará un total de 77 subministros ao longo de todo o termo municipal.

O prazo para a presentación de ofertas manterase en vigor ata o vindeiro 19 de novembro polo que as empresas interesadas poderán concorrer na convocatoria a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.