O pasado venres, representantes dos catro concellos da comarca do Ortegal presentaron no Concello de Mañón e no faro da Estaca de Bares a campaña comarcal do 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, na que levan meses traballando conxuntamente.
Baixo o lema “Estaca de Bares, de faro a faro contra as violencias machistas” as catro administracións municipais propoñen unha campaña transversal inspirada no territorio, que pon o foco nas múltiples formas da violencia de xénero e que se visibilizará ao longo do mes de novembro a través dun ciclo de conferencias e dunha marcha veciñal a pé contra as violencias machistas convocada para o 24 de novembro, entre outras accións.
A idea da campaña, xurdida no Concello de Mañón, ten como obxectivo converter o faro da Estaca de Bares nun referente contra a violencia de xénero. O faro representa luz e representa o que marca o camiño a seguir. A campaña busca que a poboación da comarca reflexione sobre as violencias machistas e sobre a importancia de condenalas e non toleralas porque ser faro contra as violencias machistas implica unha condena rotunda e unha tolerancia cero, e identificar o faro da Estaca de Bares con ese obxectivo reforza que a cidadanía se identifique tamén con el. Ademais, a dimensión comarcal amplía o foco de intervención, estende a capacidade de sensibilización contra a violencia de xénero e aumenta o grao de visibilidade co obxectivo de converter outros concellos e faros en referentes da acción en vindeiros anos. É, polo tanto, unha campaña con carácter de permanencia que estará vixente ao longo de todo o ano.
O Ciclo de conferencias “Estaca de Bares, de faro a faro contra as violencias machistas” dará comezo o día 15 de novembro co relatorio A violencia contra as mulleres da Mariña dos séculos XIX e XX a cargo do investigador José María Leal Bóveda. Terá lugar no Centro Sociocomunitario do Barqueiro, en Mañón, ás 20:00h.
O 22 de novembro, en horario de mañá, está previsto o desenvolvemento de dous obradoiros formativos en materia de Sensibilización e prevención das violencias de xénero e LGBTIfóbicas para alumnado de 3o da ESO. Cristina Palacios, traballadora social e docente de ARELAS (Asociación de familias de menores e mocidade trans de Galicia), será a encargada de impartir a formación no IES Cabo Ortegal de Cariño primeiro, e no IES de Ortigueira despois. Esa mesma tarde, ás 19:30h. na Área Recreativa do Castro, en Cerdido, Uqui Permui, deseñadora e docente universitaria, pechará o ciclo de conferencias coa presentación do libro Sempre libres e vivas, unha retrospectiva sobre a campaña En Negro da que formaron parte os catro concellos da comarca nos últimos anos.
O acto central da campaña comarcal terá lugar o domingo 24 de novembro. A través dunha marcha veciñal a pé desde a Vila de Bares ata o faro da Estaca de Bares a comarca está chamada a participar para amosar o seu rexeitamento contra as violencias machistas. Realizarase a lectura do manifesto institucional e tamén se repartirá, entre as persoas participantes, materiais coa imaxe da campaña.
O propio 25 de novembro, cada concello realizará unha lectura do manifesto institucional nas dependencias municipais, un acto aberto á veciñanza de Cerdido, Cariño, Mañón e Ortigueira.
Tamén está prevista a realización dunha formación específica para monitorado deportivo en materia de sensibilización e prevención das violencias de xénero no deporte ao que se sumará a dinamización do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de lecer nocturno da Xunta de Galicia entre establecementos da comarca.
Os catro concellos animan á poboación a ser parte desta acción comarcal para facer visible o posicionamento rotundo das veciñas e veciños do Ortegal contra a violencia de xénero.