• Ata 10 veciños se beneficiará inicialmente do programa aínda que se poderá ampliar esta cifra en base á demanda.

• A persoa usuaria só deberá abonar 1,95 euros por cada menú.

O Concello de Cerdido deu hoxe un paso máis no reforzo dos seus servizos sociais ao adherirse ao programa “Xantar na Casa” da Xunta de Galicia, unha iniciativa destinada a garantir unha alimentación saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades de persoas maiores que viven soas, teñen algún grao de dependencia ou se atopan en risco de exclusión social.

O acordo de adhesión foi asinado esta mañá polo alcalde, Alberto Rey, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, nun acto ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Grazas a este convenio, ata dez veciños e veciñas do municipio poderán beneficiarse inicialmente deste servizo, cunha posibilidade de ampliación segundo a demanda existente. Os servizos sociais municipais serán os encargados de seleccionar ás persoas beneficiarias, que recibirán semanalmente nos seus domicilios un menú completo para os sete días da semana, incluíndo festivos.

O custo de cada menú é de 7,32 euros, dos cales a Xunta achega 3,42 euros, o Concello de Cerdido asume 1,95 euros e a persoa usuaria só ten que contribuír con outros 1,95 euros.
O reparto realízase nunha única entrega semanal, e o programa inclúe tamén a subministración dunha neveira e microondas nos casos nos que o fogar do beneficiario non dispoña destes electrodomésticos.

“Unha das principais liñas de traballo do noso gobernó é atopar vías para seguir mellorando constantemente a calidade de vida da nosa veciñanza, especialmente das persoas máis vulnerables. Poder sumarnos a este programa supón un apoio fundamental para moitas familias e para persoas que precisan axuda no seu día a día”, destacou o alcalde, Alberto Rey.