DECLARACIÓN INSTITUCIONAL APOIADA POLOS GRUPOS POLÍTICOS QUE FORMAN O CONCELLO DE CERDIDO
O Concello de Cerdido rechaza de forma unánime, tanto os proxectos de parques eólicos presentado ata a data actual, Badulaque, Nordés e Balocas, como os que se poidan presentar de agora en diante e que afecten dalgún xeito a este Concello.
Si que defendemos o uso de enerxías limpas com a enerxía eólica pero non a calquera custe. Estas instalacións eólicas supoñen, polas súas dimensións e proximidade as vivendas illadas e núcleos de poboación, un gran prexuízo para os veciños e veciñas deste entorno rural: afectan negativamente a saúde e benestar da veciñanza, ao valor das propiedades rústicas e urbanas e supoñen un grave deterioro medioambiental e paisaxístico. Sen dúbida, contribuirían tamén a perda de poboación destas zonas, xa de por si en aumento.
Consideramos, dende este Concello, que os intereses privados destas grandes compañías eólicas non poden estar por riba do benestar das persoas, polo que estes proxectos non deben declararse de “interés xeral” como se pretende por parte das promotoras, para poder realizar expropiacións forzosas.
Instamos a que tanto o Goberno Central como a Xunta de Galicia paralicen este tipo de proxectos aplicando unha normativa ambiental máis restritiva, sobre todo no tocante as distancias de vivendas e núcleos de poboación.
Esta postura unánime e contundente vese tamén respaldada pola masiva presentación de alegacións a todos estes proxectos, máis de 400 presentadas polos veciños e veciñas deste Concello.
Aprobada por unanimidade na sesión extraordinaria do pleno da corporación do 19 de novembro de 2021