ENTORNO

Encadre xeográfico.

Localizado no extremo setentrional da provincia da Coruña, o Concello de Cerdido linda ó norte con Cedeira, ó leste con Ortigueira, ó sur con Somozas e Moeche e ó oeste con Valdoviño.

Ten unha extensión de 52,63 km², o que dista bastante da media de Galicia, que se sitúa en torno ós 94 km², atopándose máis preto da media dos concellos da provincia (84,8 km²).

Sobre as súas terras, cunha altitude media de 240 metros sobre o nivel do mar, aséntase unha poboación de 1.732 habitantes distribuídos en 3 parroquias e 94 entidades. A capital do municipio dista 90 km da provincial.

Paisaxe natural

As terras de Cerdido atópanse nunha zona de transición entre as altas serras de Forgoselo e Faladoira e o val de San Sadurniño. Forman as últimas estibacións desas montañas, xusto antes de despegarse os vales e as ribeiras de Ferrolterra. Isto crea unha orografía irregular, máis accidentada nas proximidades das cuncas dos ríos e regatos que discorren polo territorio.

O municipio de Cerdido divide as súas augas en dúas cuncas, a do río Mera que achega as súas augas á ría de Ortigueira e a río Porto do Cabo que desemboca na enseada de Esteiro da ría de Cedeira.

O río Mera discorre polo extremo oriental do termo municipal en dirección sur-norte, facendo de límite natural co concello de Ortigueira. Este río discorre encaixado formando un val de fortes pendentes e gran profundidade. Recolle as augas da zona este do municipio, a través de varios afluentes, entre os que destacan de sur a norte o regueiro de Silvao, no extremo sur, que fai de límite natural co municipio das Somozas, o regueiro de Loureira, o máis importante, que desemboca no río Mera na metade do concello, e o río Guntín, no extremo norte, que fai de límite natural con Ortigueira e que desemboca no río Mera xa no interior de Ortigueira.

O río Porto do Cabo, discorre con dirección sensiblemente este-oeste, polo interior do Concello de Cerdido, ata verquer as súas augas na Ría de Cedeira. Recolle as augas da maior parte do termo municipal. Neste desembocan os seguintes afluentes: o regueiro de Felgosa no sur, cunha orientación norte-sur, o río Pontellas que desemboca no límite co municipio de Cedeira e discorre cunha dirección este-oeste, e o río das Mestas, o máis importante que discorre polo norte, facendo de límite con Cedeira.

A máxima altura atopase no monte de Francoi (408 m.), na zona central do concello, nas proximidades de Felgosas e Porto, que se localizan no encontro entre a estrada AC-862 e a AC-102.

Entre o Texón (326 m.) e o Couto dá Forca (356 m.), un pintoresco val acolle o pequeno lugar de Vila da Igrexa, cruzado polo río de Pontellas. Entre eles, pequenos e tímidos vales xogan a esconderse entre unha vexetación sobre todo autóctona, dando a todo o concello un aspecto paisaxisticamente moi agradable, que lle fai merecedor de atoparse dentro da REDE NATURA 2000 e máis concretamente na pertencente á ría de Ortigueira-Mera.

A súa localización como terra de transición entre val e montaña proporciónalle un clima oceánico de temperaturas suaves, pero un pouco máis frescas que as das rías.

Paisaxe rural.

A distribución de cultivos ó longo do concello céntrase principalmente en extensións de labor, praderío e arboredo, sendo neste último os piñeiros e eucaliptos as especies predominantes. En concreto a superficie destinada a labor e prados representa o 28,43% do total da superficie do termo municipal e o 64,23% o forestal. O 7,34% restante é terreo improdutivo ocupado polos núcleos de poboación, os pequenos afloramentos rochosos e a superficie pertencente a ferrocarrís, estradas, camiños, ríos, casaríos, etc.

A falta dunha actuación por parte da concentración parceira que permita un mellor aproveitamento agrícola en Cerdido, impide unha evolución favorable noutra dirección que non sexa a produción forestal, que ha transformando en boa medida a paisaxe rural e chegando nalgúns momentos a crear certa monotonía. Ben é certo que a pendente existente foi outro dos factores influentes na tipoloxía de cultivo, onde parroquias como Os Casás presentan pendentes en torno ao 20% condicionando o contorno.

A concentración de labor e prados localízase principalmente na zona do val, nas marxes do río Pontellas e no ámbito dos núcleos máis desenvolvidos con certa importancia no que a construcións se refire. Destaca na zona sueste do concello, unha parcelas de grande tamaño que permitiron o asentamento e posterior crecemento de explotacións gandeiras de certo carácter, quedando este espazo encaixado entre a estrada AC-862 e a AC-110 .

Paisaje construido.

As 3 parroquias que compoñen o mosaico municipal, distribúense do seguinte xeito: ó oeste, a parroquia de Cerdido, que limita cos concellos de Cedeira, Moeche e Valdoviño, na zona central a parroquia da Barqueira, que limita cos Concellos de Cedeira e Moeche, e por último, ó leste a parroquia dos Casás, que limita co Concello de Ortigueira e as Somozas.

As 94 entidades de poboación repártense de forma irregular, chegando a concentrar as parroquias de A Barqueira (43 núcleos) e Cerdido (33 núcleos) o 80,85% do total dos núcleos, sendo Os Casás con 18 (19,15%) a que menos núcleos ten. A distribución territorial interna realízase maioritariamente de forma diseminada, xa que a poboación de feito de 1.991, tan só un 34 % se agrupa en núcleos. Esta é unha característica propia das poboacións onde a actividade principal recae en tarefas agrícolas e gandeiras.

Estas diferenzas, en canto ó número de núcleos por parroquia, fanse máis notables se o referente é poboacional, chegando, as mesmas parroquias a ter censadas ao 87,47% do total.a AC-862 e a AC-110 .