O Concello de Cerdido abre o proceso de selección para contratar un operario municipal durante nove meses a través do programa de fomento do emprego rural ‘Galicia Suma Talento’. Esta convocatoria busca reforzar os servizos públicos e realizar obras de mantemento no municipio a través deste peón, que estará a xornada completa.

As persoas interesadas en participar neste proceso deben cumprir requisitos básicos como ter cumpridos os 16 anos, posuír o carné de conducir clase B e contar co certificado de escolaridade ou titulación equivalente. Ao tratarse dunha iniciativa vinculada a políticas activas de emprego, as candidaturas serán remitidas previamente pola oficina pública de emprego de As Pontes. O Concello contactará telefonicamente cos candidatos propostos, quen disporán dun prazo de dous días hábiles dende esa comunicación para formalizar a súa instancia no Rexistro municipal ou a través da sede electrónica.

A selección definitiva realizarase mediante un sistema de oposición que incluirá unha proba práctica relacionada coas tarefas propias do posto e unha acreditación de coñecementos de lingua galega. Na avaliación final teranse en conta de xeito preferente diversos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, como mulleres, menores de 30 anos, desempregados de longa duración ou persoas con discapacidade.

Coa posta en marcha deste contrato, que conta cunha retribución mensual de 1.424,50 euros brutos, o goberno local de Cerdido aposta por dinamizar a economía do medio rural e mellorar a calidade de vida dos veciños a través do mantemento óptimo das infraestruturas e espazos municipais.

Toda a información sobre esta convocatoria pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/04/08/2026_0000002067.pdf