O pleno do Concello de Cerdido aprobou na xornada de onte un conxunto de medidas clave para o futuro inmediato do municipio entre as que destaca un Plan Económico-Financeiro. Esta planificación institucional, que abrangue o período 2026-2027, preséntase como a ferramenta fundamental para garantir a estabilidade orzamentaria tras os resultados da liquidación do exercicio anterior. A pesar de que o documento técnico responde á necesidade de axustar o equilibrio contable, o goberno local subliñou que a situación financeira do Concello é de “absoluta solvencia” xa que non existe ningunha débeda viva nin está prevista a formalización de ningunha operación de endebedamento no curto ou medio prazo.
O Plan Económico-Financeiro aprobado pola sesión plenaria define os obxectivos necesarios para cumprir co principio de estabilidade sen comprometer os servizos básicos nin os investimentos previstos para a veciñanza. O alcalde, Alberto Rey, defendeu que as medidas adoptadas “permitirán evitar situacións de desequilibrio futuro ao tempo que se mantén a autonomía municipal”. O seguimento e control deste plan será rigoroso e permitirá que Cerdido continúe sendo un “exemplo de administración saneada” que non carga ás futuras xeracións con préstamos ou intereses bancarios.
Xosé Martinho Montero Santalha será nomeado Fillo Predilecto do municipio
O pleno deu luz verde, por unanimidade, ao nomeamento de Xosé Martinho Montero Santalha como Fillo Predilecto de Cerdido. Con esta distinción o Concello quere recoñecer formalmente unha traxectoria profesional de excelencia que serve de inspiración xeracional para a mocidade local. O acordo destaca que Montero Santalha é un referente imprescindible na cultura global que soubo proxectar a identidade de Cerdido cara ao exterior, convertendo a súa obra en parte inseparable do patrimonio inmaterial da vila. En breve comunicarase a data para a celebración dun acto solemne na Area Recreativa do Castro onde se lle fará entrega do diploma e a insignia que acreditan este título honorífico.
Exixencia unánime á Xunta para a dotación dunha ambulancia medicalizada no Ortegal
A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción, presentada polo PSOE, para instar á Xunta de Galicia a que dote á comarca do Ortegal dunha ambulancia medicalizada con base permanente. O acordo plenario pon de manifesto que a actual dispersión poboacional e o envellecemento demográfico fan necesario un reforzo dos servizos de emerxencia para reducir os tempos de resposta en situacións de risco vital. O Concello considera que a cidadanía de Cerdido e do resto da comarca debe contar “cos mesmos dereitos e garantías en materia de atención sanitaria que o resto da poboación galega, corrixindo así as actuais desigualdades territoriais que afectan ao medio rural”.
Finalmente, a sesión plenaria tamén serviu para validar a participación de Cerdido no Plan Único de Deputación para o exercicio 2026, o que suporá unha importante inxección de fondos para a mellora da rede viaria. Entre as actuacións confirmadas atópase o acondicionamento integral do camiño de acceso a Pontellas, a mellora da vía en Aldar e a renovación do acceso a A Pena por Casavide. Así mesmo, o Concello incluíu no plan complementario o proxecto para o camiño das Penas, asegurando que se atendan as demandas históricas de comunicación entre os núcleos de poboación para garantir a seguridade e a comodidade dos usuarios.