O Concello de Cerdido avanza na mellora e continuidade dos servizos sociais coa aprobación das bases reguladoras do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo destinada á contratación temporal de persoal auxiliar de axuda no fogar. A decisión permitirá facer fronte ás necesidades do servizo municipal nas distintas situacións que poidan xurdir ao longo do ano.

Esta bolsa de traballo nace coa finalidade de cubrir substitucións do persoal habitual por vacacións, permisos, baixas por incapacidade temporal, maternidade ou outras situacións recollidas na normativa, así como en casos de acumulación de tarefas ou vacantes no servizo. A súa creación responde á necesidade de contar cun recurso operativo e actualizado que garanta a continuidade e calidade do servizo de axuda no fogar, fundamental para a atención ás persoas maiores ou dependentes no municipio.

Coa entrada en vigor desta nova bolsa, queda extinguida a anterior, o que supón unha actualización importante tanto nos procedementos como nas condicións laborais.

As persoas que formen parte desta bolsa poderán ser contratadas mediante diferentes tipos de contratos temporais, segundo as circunstancias concretas, ben sexa por substitución de persoal con dereito á reserva do posto, ou por necesidades puntuais de produción. A duración das contratacións determinarase segundo a situación específica e sempre conforme ás limitacións establecidas polo Estatuto dos Traballadores e a Lei 20/2021, do 28 de decembro, que establece medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

A xornada laboral para os postos convocados establécese en 35 horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual, coas condicións de descanso que marca a lexislación vixente. Nos casos en que os contratos non sexan a tempo completo, aplicarase a xornada proporcional correspondente.