- A iniciativa conta coa participación de cinco locais hostaleiros da vila.
- O concurso terá lugar os días 25 e 26 de novembro en horario de 11:00 a 15:00 ambos días, e de 19:00 a 22:00 o sábado.
Cerdido, 8 de novembro de 2023. O Concello de Cerdido celebra, a fin de semana do 25 e 26 de novembro, a terceira edición do concurso de pinchos “Saborea Cerdido”, que promove o consumo dos produtos locais e dá a coñecer os locais hostaleiros do municipio.
Esta edición conta coa participación de cinco establecementos hostaleiros do municipio: Bar Elvis, Mesón Froallo, Casa Ignacio, El rincón de Tania e Casa Viuda.
O certame terá lugar o sábado, 25 de novembro, en horario de mañá, de 11:00 a 15:00 horas; e de tarde, de 19:00 a 22:00 horas; e o domingo, 26 de novembro, en horario de mañá.
As persoas que queiran participar no concurso deberán realizar unha consumición, que non sexa café, en cada un dos locais participantes. As valoracións dos pinchos deberán ir anotadas nunha única tarxeta na que figure o nome da persoa e as puntuacións asignadas a cada unha das tapas. As tarxetas, unha vez cubertas e seladas en todos os establecementos, serán depositadas nunha das urnas habilitadas para o seu efecto.
Os locais que resulten premiados recibirán un trofeo distintivo. As persoas participantes entrarán ademais nun sorteo de tres premios no que poderán optar a vales de consumo para utilizar nos establecementos participantes.
Desde o Concello de Cerdido animan a todos e todas, veciñanza e visitantes, a achegarse ao municipio ese fin de semana a degustar as mellores receitas cerdidenses.