• O municipio acollerá unha gran variedade de plans para rapazada e maiores.

 

  • Obradoiros, teatro e actividades infantís serán as protagonistas da programación do Concello

Cerdido, 11 de decembro de 2023. O Concello de Cerdido presenta o seu programa de actividades de Nadal que se desenvolverá durante as vacacións escolares. O municipio acollerá unha gran variedade de plans para rapazada e maiores.

A primeira das actividades trátase dun obradoiro de arranxo floral, que terá lugar o xoves, 21 de decembro, na Casa da Cultura. O taller correrá a cargo da paisaxista e mestra floral, María Rykava, e as persoas asistentes deseñarán un centro de mesa con motivos de Nadal.

O sábado 23, o Concello acollerá a obra de teatro ‘Ninja’, do grupo os Ghazafelhos. Unha representación para toda a familia na que se reflexiona sobre o acoso escolar, o respecto e a diversidade.

As representacións teatrais terán continuidade o seguinte sábado, 30 de decembro, coa función infantil ‘O vendedor de fume’. A obra fará uso de maxia, música, monicreques, e a interacción co público para contar esta historia en clave de humor.

Finalmente, o 6 de xaneiro, terán lugar as actividades de Reis, que comezarán coa misa cantada pola Coral Eixil. Ademais, poderase visitar o belén vivinte e os nenos e nenas poderán gozar da cabalgata de Reis e de diversas actividades lúdicas infantís.