O Concello de Cerdido celebrará a II Marcha Ciclista Escolar o sábado 28 de setembro, organizada en colaboración coa ANPA Os Carrís, do CEIP A Barqueira. Constará dunha ruta de seis quilómetros de distancia polas zonas de Felgosas, Fercoi, Os Novás e Vilar. Os nenos e nenas participantes sairán desde o CEIP A Barqueira ás 16:00 horas e rematarán o percorrido na Área Recreativa do Castro sobre as 17:00 horas.

As inscricións son de balde e pódense formalizar chamando ao teléfono 674 213 753. O prazo estará aberto ata o próximo mércores 25 de setembro. É obrigatorio o uso do casco durante toda a ruta e tamén é preciso que acuda polo menos un adulto por familia.

Haberá medallas para todos os nenos e nenas participantes e tras a ruta organizaranse diversas actividades, como unha merenda, xogos variados e inchables gratuítos.