• O proxecto mellorará unha infraestrutura básica na procura do beneficio da veciñanza

 

  • Renovarase a superficie do vial, coa reposición a través de aglomerado en quente

 

Cerdido, 09 de febreiro de 2024. O Concello de Cerdido vén de iniciar as obras para mellorar o camiño que une os lugares de Piñeiro e Vila da Igrexa.

O orzamento destinado a este traballo correspóndese cun total de 58.184 euros, que forman parte do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.

O proxecto trátase dunha actuación sobre a capa de rodaxe da vía, que conta cunhas dimensións de 850 metros de lonxitude e 5 metros de ancho. A superficie cubrirase con aglomerado en quente, previa reparación das fochancas e mordentes con grava e tratamento asfáltico. A obra complétase coa limpeza das gabias e salvagavias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.

A obra persegue a mellora dunha infraestrutura básica en favor dos veciños e veciñas do municipio de Cerdido, na procura de facilitar o transporte e garantir a seguridade vial.

O alcalde, Alberto Rey, destacou “a importancia que ten a realización destas melloras estruturais, que forman parte do mantemento da vila e benefician directamente á veciñanza”.

O rexedor subliñou “a importancia de ter unhas boas conexións entre os distintos núcleos rurais nun concello como Cerdido para facilitar os desprazamentos do día a día”.