• Os lugares de recollida serán Felgosas, na Barqueira; Vila da Igrexa, en Cerdido e Campo da Igrexa, nos Casás

 

  • O alcalde, Alberto Rey, asinou un acordo con INSERTEGA por unha duración de doce meses, prorrogables ata cinco anos

 

Cerdido, 21 de novembro de 2023. O Concello de Cerdido vai instalar tres colectores de roupa usada en cada unha das tres parroquias do municipio co obxectivo de reutilizar a roupa que xa non se usa nas familias e darlle unha segunda vida.

O rexedor, Alberto Rey, asinou un acordo con INSERTEGA, Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaje Téxtil de Galicia, para facilitar a recollida tanto de residuos téxtiles e zapatos.

Os tres contedores estarán instalados en Felgosas, na Barqueira; en Vila da Igrexa, en Cerdido e Campo da Igrexa, nos Casás; coa intención de que cada unha das tres parroquias conte un espazo onde poder depositar a roupa e o calzado.

O acordo asinado ten unha duración de doce meses, prorrogables ata un máximo de cinco anos.

Segundo indica o Alcalde, “coa instalación destes novos contedores para reutilizar os residuos téxtiles e o calzado, pretendemos darlle unha segunda vida a toda esa roupa que xa non se está utilizando nas casas, fomentando así a economía circular no noso municipio”.

Rey quixo explicar que “colocaremos os tres contedores en cada unha das tres parroquias, para que todos os veciños e veciñas poidan ter un fácil acceso a este servizo”.