- As obras corresponden ao espazo ligado á igrexa de San Xoán das Casás e combinaran zonas axardinadas e pavimentación
- Procederase ao desprazamento dun cruceiro, que actualmente se atopa nas inmediacións da DP-2503, cara a este novo espazo máis seguro para a súa conservación
Cerdido, 15 de marzo de 2024. O Concello de Cerdido comeza as obras de creación dun espazo libre ligado á igrexa de San Xoán dos Casás, na parroquia homónima, no que se van combinar zonas axardinadas e pavimentación co obxectivo de coidar e protexer o Patrimonio do municipio.
Este espazo atópase nas inmediacións da DP-2503, destacando a situación dun cruceiro, ao borde da estrada, nun lugar pouco seguro. Actualmente este elemento atópase en bo estado e conserva a totalidade dos seus elementos, polo que se vai proceder ao desprazamento do mesmo cara unha zona máis protexida do tráfico nas proximidades da igrexa.
O proxecto contempla ademais a execución de diferentes plataformas coa intención de resolver os desniveis existentes, suxeitos ás irregularidades do terreo. A superficie será pavimentada posteriormente mediante formigón, xerando unha praza na zona noroeste do espazo.
As actuacións contan cun orzamento de 54.159 euros, financiadas ao 80 % pola entidade provincial e un 20 % das arcas municipais.
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, destacou “a importancia desta obra para a protección do Patrimonio do municipio, que debe ser coidado e protexido e para iso precisa situarse nun lugar acorde”.
Finalizadas as actuacións no paseo do río Pontellas
O Concello tamén acometeu obras de instalación de máis de 300 metros de malla antideslizante sobre a superficie do paseo do río Pontellas. Concluída esta actuación, os usuarios xa poden gozar deste paseo de xeito seguro e respectuoso co medio ambiente.
O rexedor destacou a “importancia desta intervención neste espazo de lecer para a veciñanza, que supón ademais un reclamo turístico da vila de cara aos meses máis cálidos”.