O Concello de Cerdido participará na posta en marcha da segunda edición do obradoiro ‘Terras do Ortegal’, desenvolto en conxunto cos Concellos de Ortigueira, Mañón e Cariño. Organizarase cunha subvención da Xunta de Galicia concedida ao Concello de Ortigueira por valor de 411.870 euros. O taller estará centrado no ámbito da atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. O Concello de Cerdido participará por primeira vez neste Obradoiro, no que se formarán un total de 20 alumnos e alumnas durante 9 meses.
Os catro concellos acordaron levar a cabo este proxecto en conxunto, comprometéndose a asumir de maneira proporcional os custos non subvencionados que poidan xurdir. Segundo os termos do acordo entre os catro concellos, o de Ortigueira será o responsable da xestión técnica e administrativa do taller, incluíndo toda a tramitación e a contratación do profesorado, así como a selección do alumnado.
Do mesmo xeito, o obradoiro impartirase en Ortigueira, aínda que o alumnado procederá dos catro concellos. Haberá tres alumnos de Cerdido, ademais de nove de Ortigueira, cinco de Cariño e outros tres de Mañón.
Durante o desenvolvemento do taller dual de emprego, as e os alumnos-traballadores recibirán formación profesional en alternancia coa práctica profesional. Desde o inicio do taller, os participantes serán contratados polo Concello de Ortigueira baixo a modalidade de contrato para a formación e a aprendizaxe, e recibirán o salario correspondente.
Ao finalizar o taller, o alumnado recibirá un certificado do Concello co que poderán solicitar o Certificado de Profesionalidade na especialidade de “Atención a persoas dependentes en institucións sociais», acreditándoos como profesionais cualificados para traballar tanto no servizo de axuda a domicilio como en centros de día e outras institucións sociais.
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, destacou que “é unha boa noticia para o Concello participar nesta segunda edición do obradoiro, xa que supón unha gran oportunidade para formar á veciñanza nunha área de especial interés no noso Concello, que aposta constantemente polos proxectos e iniciativas sociais”.
Na mesma liña, Rey explica que “tamén é unha oportunidade moi boa a nivel formativo coa que se fomenta o emprego”. Para rematar, o rexedor de Cerdido quixo agradecer “a implicación e o compromiso dos alcaldes do resto dos concellos para poder chegar a facer este proxecto conxunto”.