O Concello de Cerdido vén de incorporar catro novas camas articuladas homologadas para mellorar a atención das persoas dependentes no marco do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Esta adquisición foi posible grazas ao financiamento do Programa POS+Gastos Sociais 2024 da Deputación da Coruña, cunha dotación total de 5.400 euros.

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer un apoio esencial ás persoas en situación de dependencia, facilitando equipamentos de calidade que melloren a súa comodidade e benestar, así como as condicións do coidado prestado polos seus familiares ou profesionais. As camas articuladas representan unha solución idónea para optimizar a mobilidade e a seguridade destas persoas, adaptándose ás súa necesidades específicas.

As persoas interesadas na cesión destas camas poden dirixirse á área de Servizos Sociais do Concello de Cerdido, onde recibirán información detallada sobre o proceso de solicitude.