O Concello de Cerdido pon en marcha o luns o servizo de Madrugadores para este curso, cunha notable redución do prezo despois da axuda facilitada pola administración local.

Un total de 7 nenos e nenas poderán almorzar no CEIP A Barqueira en horario de 07:45 a 09:45 horas todas as mañás, facilitando a conciliación laboral das familias do noso municipio.

O Concello, durante este curso, subvencionará a metade do custo deste servizo, reducindo o seu custo de 80 a 40 euros, incentivando que novas crianzas se incorporen a este programa co paso dos meses.

Segundo indica o rexedor, Alberto Rey, “un dos nosos eixos políticos como equipo de goberno é a aposta pola educación, por iso traballamos co fin de mellorar e facilitar as condicións no día a día para a nosa veciñanza”.

“Co abaratamento deste servizo buscamos mellorar a conciliación laboral e familiar dos nosos veciños e veciñas, intentando que todas as persoas que o precisen poidan gozar del. Así mesmo, procuramos que nos vindeiros meses os usuarios e usuarias deste servizo aumenten”, asegura.