● A administración local renova o seu parque móbil para reforzar as tarefas de mantemento municipal, a prevención de incendios e a mellora da rede viaria rural.
● Esta adquisición faise co apoio da Deputación da Coruña, que aportará o 80% do custe dos vehículos.
O Concello de Cerdido ven de sacar a licitación pública a adquisición dun tractor equipado con rozadoira de brazo lateral e dunha miniescavadora, dous contratos por un importe total de 224.455 euros destinados a renovar a maquinaria municipal.
Este procedemento prodúcese tras a formalización do convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e a administración local, mediante o cal o organismo provincial achega 173.756 euros —o 77,41 % do total— para a renovación duns equipamentos que acumulaban máis de trinta anos de servizo e un elevado desgaste.
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, explicou que a licitación para adquirir este equipamento “dotará ao municipio de medios propios modernos e eficientes que mellorarán a rapidez e seguridade nos traballos de mantemento dos camiños rurais e a prevención de incendios”.
A licitación organízase en dous lotes: o primeiro, por valor de 186.340 euros, para un tractor forestal novo de 160 CV con cabina de protección e brazo rozadoira de 5,40 metros de alcance horizontal; e o segundo, por 38.115 euros, para unha miniescavadora de 14,6 kW con eirugas de goma, dúas liñas hidráulicas e varios cazos de traballo.
Rey salientou que “estes novos vehículos permitirán prestar un servizo fundamental para a veciñanza dun concello con poboación dispersa, facilitando os accesos ás vivendas e ás explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como garantindo o tránsito dos servizos de emerxencia e dos transportes escolar e sanitario”.
As empresas interesadas xa poden consultar os pregos técnicos e administrativos e presentar as súas ofertas a través da Sede Electrónica municipal.