– As persoas interesadas en participar poderán inscribirse durante o mes de outubro no concello e recibirán un composteiro de balde.
O concello de Cerdido reafirma a súa aposta pola reciclaxe co desenvolvemento dun programa de compostaxe caseira destinado a 30 vivendas do termo municipal.
A través de dita iniciativa, os veciños e veciñas que desexen participar, levando a cabo a compostaxe nos seus fogares, poderán inscribirse durante o mes de outubro nas oficinas do concello.
Os participantes recibirán de forma totalmente gratuíta un composteiro de 400l de capacidade e aireadores, así como a formación precisa para levar a cabo o proceso de compostaxe.
A través desta iniciativa que se desenvolve colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU, procúrase capacitar á poboación para a transformación de materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe recoller o ente municipal; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como punto de partida para o desenvolvemento doutros programas de educación ambiental.