O alcalde de Cerdido, Alberto Rey mantivo un encontro coa conselleira de Política Social, Fabiola García e co director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antonio Acevedo, co obxectivo de analizar de primeira man co Goberno autonómico as necesidades máis urxentes do municipio nesta área.
Durante a reunión, o rexedor fixo fincapé na necesidade de seguir mellorando e ampliar as infraestruturas e os equipamentos sociais no concello. Entre as propostas destacaron o proxecto da Casa do Maior, a dotación de transporte adaptado para persoas con mobilidade reducida e a creación dun centro social que funcione como espazo de encontro e dinamización para a veciñanza.
Así mesmo, expresouse a preocupación polo encarecemento do Servizo de Axuda no Fogar e polos longos tempos de espera nas avaliacións de dependencia, unha situación que está a xerar incerteza e dificultade no acceso aos recursos sociais por parte das persoas que máis os precisan.
Alberto Rey reiterou “o compromiso firme coa mellora da calidade de vida da veciñanza, especialmente da poboación maior e en situación de dependencia”, e agradeceu a constante disposición da Xunta para atender estas demandas, que, segundo indicou, “permitirán consolidar un modelo de atención máis xusto e accesible na localidade”.
Neste senso, o rexedor puxo en valor o traballo desenvolvido pola área de Servizos Sociais do Concello, recoñecido como referente a nivel autonómico no informe emitido tras a inspección realizada a comezos deste ano. No documento salientáronse aspectos como a aposta pola formación continua dos profesionais e a calidade da atención prestada en casos de especial vulnerabilidade.