O concello de Cerdido reafirma o seu compromiso coa defensa do territorio e da calidade de vida da veciñanza coa interposición do requerimento previo á interposición dun recurso contencioso administrativo na contra da resolución emitidas pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, nas que se da autorización administrativa a Enel Green Power España, SL para efectuar modificacións e a construción do parque eólico Badulaque.

Os motivos expostos polo goberno local para efectuar este trámite en contra da edificación desta infraestrutura de aeroxeradores que afectaría ao termo municipal de Cerdido, Valdoviño, Cedeira, Moeche, As Somozas e As Pontes inclúen unha desaxeitada valoración os efectos acumulativos e sinérxicos, así como a ausencia dunha valoración realista da denominada alternativa «cero»; a inadecuada valoración do impacto que dito proxecto tería sobre o hábitat de numerosas especies animais que teñen o seu hábitat na área que ocuparía o parque; ademais, tamén se alega que a Declaración de Impacto Ambiental foi formulada sobre a base dun Estudo de Impacto Ambiental incompleto que non conta con informes sectoriais preceptivos xa que as condiciones impostas en dita declaración consisten en exixir á promotora a elaboración de novos estudos sobre o impacto do proxecto o seu sometemento ao criterio dos órganos administrativos competentes en materia de saúde pública, augas e medio ambiente, indicándose polo tanto que a DIA elaborada foi realizada de xeito precipitado.

O executivo tamén sinala no escrito a nula consideración tida cara a administración local e dereito á participación pública, expoñendo que as alegacións realizadas polo Concello de Cerdido fronte ao proxecto non foron consideradas. O goberno local alega que a Documentación Ambiental aportada pola Promotora constituía, nunha prolongación do procedemento de avaliación ambiental, polo que presentou dous escritos, un formulando alegacións e outro establecendo Condicións Técnicas, sendo ambos desatendidos. Ademais, o Concello denuncia que non tivo acceso aos informes emitidos por los órganos consultados en cumprimento dos Condicionados de la DIA, facendo fincapé no terceiro eixo do escrito no incumprimento de ditos condicionados.

O alcalde, Alberto Rey, indica que con estes trámites “buscamos a nulidade dunha resolución que vai en contra do noso territorio e dos intereses da veciñanza de Cerdido e da súa contorna”. Deste xeito, o rexedor incide en que “estamos a favor das enerxías limpas, mais non de calquera xeito. O parque eólico de Badulaque é un proxecto que terá un impacto enorme na nosa biodiversidade, na estética da paisaxe e na calidade de vida quen resida preto del, polo tanto desde o Concello non cederemos na nosa determinación e loitaremos sempre a favor do mellor para Cerdido”.