A defensa do medio natural e a seguridade nos desprazamentos son dúas das grandes liñas de traballo do goberno local, tal e como se reflicte na nova ordenanza municipal reguladora das actividades de repoboación forestal, das extraccións de madeira e da xestión da biomasa nos montes e espazos forestais do termo municipal.

Coa finalidade de garantir boas prácticas nun sector de gran relevancia para a economía das familias da localidade, o Concello incorpora unha serie de medidas na ordenanza para mellorar a xestión forestal e minimizar o impacto desta actividade.

Entre as principais novidades, establécese a creación dun rexistro para garantir un control máis eficaz sobre as entidades que operen no termo municipal. Todas as empresas que desenvolvan actividades forestais na zona deben inscribirse neste rexistro, ademais de presentar unha comunicación previa para a realización de traballos forestais.
Ademais, imponse o pagamento dunha fianza para cubrir posibles danos en camiños e infraestruturas municipais. As contías deste depósito varían en función do volume de madeira extraído:

• Corta inferior a 300 toneladas: 1.500,00 €
• Corta entre 300 e 1.000 toneladas: 3.000,00 €
• Corta entre 1.000 e 3.000 toneladas: 6.000,00 €
• Corta superior a 3.000 toneladas: 9.000,00 €

Tamén se introduce un apartado onde se diferencian as distintas tipoloxías de infraccións e as súa correspondentes sancións, co obxectivo de garantir así o correcto cumprimento das disposicións vixentes.

Desde o goberno local destácase que esta normativa non pretende prexudicar o sector madeireiro. Incídese ademais na importancia de manter en bo estado os accesos ás zonas forestais, non só para facilitar o transporte da madeira, senón tamén para mellorar a prevención e extinción de incendios.

O alcalde, Alberto Rey, subliña que con esta modificación “Cerdido dá un paso máis cara a unha xestión forestal equilibrada, garantindo o respecto polo medio ambiente e a seguridade da veciñanza, ao tempo que se impulsa un sector clave para a economía local”.

Os vehículos históricos poderán obter unha bonificación do 100% no imposto sobre vehículos de tracción mecánica

O Concello tamén publicou a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, sendo a principal novidade que as persoas que teñan ao seu nome o vehículo, poderán solicitar unha bonificación do 100% na cota do imposto, cando o turismo estea catalogado de histórico ou teña unha antigüidade mínima de 25 anos, contados a partir da data de fabricación.
Ambas ordenanzas están dispoñibles para a súa consulta na páxina web municipal https://www.cerdido.org/