Esta actuación, financiada con con fondos do Instituto de Transición Xusta, supuxo un investimento de case 420.000 euros.
O Concello de Cerdido acaba de dar por concluídas as obras de adecuación e modernización da Casa da Cultura, un proxecto que contou cun investimento de 419.155,08 euros e que abrirá as súas portas de xeito oficial cunha inauguración que terá lugar proximamente. A actuación, financiada a través do Instituto de Transición Xusta no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, transformou por completo o antigo edificio nun espazo totalmente accesible, moderno e funcional, deseñado para dinamizar a vida social e económica do municipio.
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, amosou a súa gran satisfacción polo resultado dos traballos e destacou “a importancia de abrir este renovado espazo”. Segundo sinalou o rexedor, a Casa da Cultura “converterase no verdadeiro corazón social do concello, un punto de encontro interxeracional onde convivirán os nosos maiores e os novos emprendedores, dispoñendo todos eles dunhas instalacións públicas punteiras e adaptadas aos novos tempos”. Así mesmo, Rey adiantou que o goberno local está a perfilar os últimos detalles para a xornada de apertura co obxectivo de que “todos os veciños poidan coñecer de primeira man un edificio pensado por e para o futuro de Cerdido”.
O edificio conta agora cunha distribución optimizada para ofrecer novos servizos clave á cidadanía. Entre as principais novidades atópase un centro de maiores específico que dispón de zonas de descanso e áreas para obradoiros ou actividades físicas. Este centro acollerá un programa estable de actividades culturais e sociais, ao tempo que incorporará un sistema dixital avanzado para mellorar a xestión e a comunicación coas familias.
No primeiro andar situouse un espazo de coworking con doce postos de traballo equipados con medios informáticos. Esta área está pensada para fomentar o emprendemento, cun foco especial no apoio a iniciativas lideradas por mulleres, e dispón de zona común, office, reprografía, acceso automatizado e rede wifi pública. Así mesmo, o andar semisoto acondicionouse como unha aula de formación dotada de equipamento tecnolóxico para cursos e accións formativas orientadas a mellorar as oportunidades laborais.
O proxecto completouse coa total humanización dos exteriores da Casa da Cultura, que agora conta con novos bancos, arborado, puntos de luz e unha zona de descanso. Ademais, a contorna adaptouse ás novas esixencias sostibles e tecnolóxicas mediante a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos, un mini punto limpo, rede wifi pública e un panel informativo dixital.





