O grupo Encrucillada actuará o sábado 21 de setembro na Área Recreativa O Castro de Cerdido. A actuación será para todos os públicos e empezará a partir das 23:00 horas. As entradas para o evento son de balde e non é preciso realizar unha inscrición previa.

A actuación forma parte das actividades culturais concedidas ao Concello dentro do programa Dinamiz-ARTj, iniciativa que busca promover a cultura e o talento local en municipios de transición xusta. Este concerto é a primeira das actuacións que o programa achegará ao Concello nos próximos meses.

Encrucillada formará parte do elenco de artistas que amenizarán o festival que organiza a Asociación Airiños dos Carrís o sábado 21 de setembro na Área Recreativa O Castro.

Trátase dun grupo de música folk galega que interpreta temas tradicionais e tamén de traballos propios, como do seu último disco, ‘De volta!’, que será protagonista na actuación en Cerdido. Empregan instrumentos como a gaita, o saxo, a ocarina, o acordeón e percusións tradicionais, nunha mestura única na que tamén utilizan as voces. Os seus concertos caracterízanse polo bo ambiente e a música agradable, montando unha foliada na que a xente adoita acompañar bailando.

A concelleira de Cultura, Amalia Díaz Rodríguez, afirmou que “será unha xornada festiva na que os veciños e veciñas de Cerdido poderán desfrutar do mellor da música tradicional galega”. Na mesma liña, a concelleira quixo recordar que “esta é a primeira das actuacións do programa Dinamiz-ARTj no Concello, un programa de moito impacto que achegará a diversos artistas ata Cerdido nos próximos meses”.