O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Cerdido manterá este ano os servizos complementarios de podoloxía e fisioterapia, implantados durante o pasado 2023. Estes servizos foron moi ben recibidos pola veciñanza, polo que o goberno municipal decidiu mantelos un ano máis a partir deste mes de setembro.

Dúas profesionais serán as encargadas de prestar estes servizos, destinados a persoas maiores ou con discapacidade e que son usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. En total, unhas 60 persoas recibirán esta atención complementaria nos seus domicilios. As dúas profesionais contratadas empezarán a percorrer os domicilios das persoas usuarias do SAF nos próximos días.

Con esta medida, o SAF fai unha cobertura maior aos veciños e veciñas do Concello de Cerdido, convertendo o Servizo de Axuda no Fogar municipal nun servizo máis integral e completo. A ampliación da oferta asistencial xa foi moi ben recibida o ano pasado, cando máis de medio centenar de familias puideron beneficiarse destes servizos que neste novo curso volverán a estar dispoñibles.

Esta medida está coordinada polo Concello e polo departamento de Servizos Sociais municipal e conta co financiamento do programa POS+ de Gasto Social da Deputación da Coruña.

En palabras do alcalde de Cerdido, Alberto Rey, “tomouse a decisión de continuar con estes servizos complementarios porque queremos que as veciñas e veciños do Concello conten cun servizo máis completo e con alternativas de calidade”.