• A proposta máis votada foi ‘Paquita e Nicanor fan freixós con moito amor’

 

  • O gañador foi escollido mediante unha votación popular na que participou a veciñanza da vila

 

Cerdido, 21 de febreiro de 2024. O Concello de Cerdido organizou por primeira vez neste Entroido un Concurso de Mecos entre os veciños e veciñas da vila. As figuras debían ser de elaboración propia e estar visibles desde a vía pública.

Un total de 14 mecos foron presentados ao concurso, no que o ganador se decidiu mediante votación popular. Establecéronse tres vías de votación diferentes a disposición da veciñanza: de xeito presencial na casa consistorial, a través do Facebook do Concello e mediante unha mensaxe ao WhatsApp municipal.

A proposta gañadora, despois do reconto de todos os votos, foi a presentada baixo o nome de ‘Paquita e Nicanor fan freixós con moito amor’, que representa a una parella cocinando diante dunha cheminea.

A concelleira de Cultura, Amalia Díaz, destacou o éxito da proposta na que “houbo moita implicación dos veciños e veciñas, que apoiaron a iniciativa coas súas creacións e mediante os seus votos”, e declarou que “esta primeira edición servirá como precedente para a realización de máis concursos de mecos nos vindeiros anos”.

 

I CONCURSO DE MECOS – RECONTO